Sunday 28 de April de 2024

Ofrenda cívica na Pobra para conmemora-la vida e obra de Valle-Inclán


O Cantón da Leña foi escenario neste mediodía da ofrenda cívica con motivo da vixésimo terceira edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán. Amenizada polo grupo de música tradicional Os Caraveiros, que percorreu con anterioridade varios espazos céntricos da vila, o acto incluíu a colocación de arranxos florais fronte á escultura do escritor e a interpretación a cargo de Mariló Ríos dun fragmento da obra O meu bisavó que fala da Torre de Bermúdez e da Pobra do Caramiñal.

Ademais de veciñanza e representantes do tecido asociativo, asistiron membros da corporación municipal e o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina. Interviñeron a concelleira da Cultura e das Relacións Institucionais, Patricia Lojo; o secretario xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo; e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, quen indicou que “interésanos a parte galega” deste referente cultural a nivel internacional.

Doutra banda, o secretario xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor este outubro valleinclaniano, o cal contribúe a mante-la vixencia do legado e da figura de Valle-Inclán, polo que felicitou o Concello e a institución museística; unha cita que, segundo apuntou, “permite que, dende A Pobra e dende o resto da comarca, se faga esa reflexión sobre a importancia que Valle-Inclán ten e tivo na cultura realizada dende Galicia.” Rematou a súa intervención salientando a importancia de equipamentos culturais como é o caso da Torre de Bermúdez e trasladou o apoio da Xunta de Galicia a esta programación.

A edil Patricia Lojo puxo en valor a continuidade desta cita cultural coa cal contribuír á divulgación e posta en valor do literato, ofertando “unha programación feita dende A Pobra para A Pobra e para toda Galicia, como así puidemos constatar na boa acollida das diversas actividades.” Engadiu que se trata dunha convocatoria “especial” para a Concellaría da Cultura ao conmemora-lo centenario da segunda viaxe de Valle-Inclán e da obra Los cuernos de don Friolera, ademais de continuar conmemorando o centenario do título Luces de bohemia. Lembrou tamén que A Pobra e Vilanova de Arousa son dúas localidades arousás irmandadas polo ronsel valleinclaniano e expresou o seu agradecemento ao persoal do Concello, entidades e persoas involucradas no desenvolvemento desta singradura, así como á Secretaría Xeral da Cultura e ao investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina.

Unha vez rematado o acto, achegáronse ata unha das salas do Museo onde se expón Ramón del Valle-Inclán. Convidado especial da República de México.

A actual edición das xornadas concluirá nesta mesma fin de semana. Así, nesta mesma tarde, ás 20.00 horas, Tatana Teatro representará Los cuernos de don Friolera (1921) no Elma. E, no sábado 30, Teatro En Punto procederá nas salas do Museo Valle-Inclán, ás 20.00 horas, coa función Palabras en Pedra, baseada en Mi hermana Antonia, El marqués de Bradomín e La lámpara maravillosa. A entrada é de balde ata completa-la cabida.